Tres rutas diferentes que parten da aldea de Seceda, onde se poden ver as pegadas da antiga convivencia entre o oso pardo e o ser humano. A contorna de Seceda ten unha riqueza en alvares extraordinaria, e constitúe posiblemente una das maiores concentracións deste tipo de estruturas que se coñecen. Os alvares son construcións tradicionais con altos e fortes muros de pedra seca, nas que se gardaban os trobos ou colmeas tradicionais para protexelos do oso. Nota: as Rutas do Oso e do Mel atravesan diferentes explotación apícolas, polo que debes ter coidado coas abellas, especialmente se es alérxico ó seu veleno.

1-Ruta das Anduriñas:

A Ruta das Anduriñas percorre durante uns seis quilómetros algunhas das zonas de maior beleza e illamento da parroquia de Seceda. Comeza na zona oeste da aldea, atravesando primeiramente o seu souto, no que destacan un bo número de castaños centenarios. Posteriormente, percorreremos ás abas do rego de Montelongo, afluente do río Lóuzara, para atoparnos coas cabanas das Anduriñas, chamadas así por estar situadas debaixo da escarpada pena do mesmo nome na que, sen dúbida, aniñarían estas aves ou algún parente desta coñecida ave.

Neste val poderemos observar unha zona boscosa de grande extensión, aínda que a propia presenza das cabanas, construcións habitualmente usadas como apoio ós traballos gandeiros, indícanos que estas carballeiras son moi novas e que ata non hai moitas décadas esta zona estaba ocupada por cultivos e prados.

Continuando o camiño, chegaremos ó castro de Seceda, xa sen restos das construcións que fai tempo ocupaban este alto e que nos indica a antiga ocupación destes vales. Desde alí, baixaremos de novo cara o souto de Seceda para rematar a ruta chegando outra vez á aldea desde onde partimos.

Enlace a Ruta das Anduriñas en wikiloc

2-Ruta das Forgas:

A Ruta das Forgas recorre durante case seis quilómetros as zonas máis altas de Seceda. O camiño comeza na zona leste da aldea, concretamente no seu aparcadoiro, subindo primeiramente cara o lavadoiro e a fonte, onde podemos recoller auga para o camiño. Seguiremos a ruta subindo cara as Penas Corveiras, percorrendo os vellos camiños que transitaban cara a Escrita e Paderne e deixando á nosa dereita o regueiro de Seceda.

Unha forte pendente levaranos ata a Campa de Rebordelo, onde podemos descansar brevemente para observar as amplas vistas da zona. Logo disto, cambiaremos de val e comezaremos a baixar polas abas do rego de Montelongo ata chegar ó souto de Seceda, rematando a nosa ruta na zona occidental da aldea.

Enlace a Ruta das Forgas en Wikiloc

3-Ruta dos Alvares:

Os alvares son estruturas tradicionais de altos e fortes muros que protexían as colmeas do oso, construídos en zonas de gran pendente para dificultar aínda máis a entrada do predador. Durante o percorrido da Ruta dos Alvares, duns sete quilómetros de lonxitude, contemplaremos un bo número de alvares, algúns deles en bo estado de conservación e aínda en uso para compatibilizar a produción apícola coa presenza do oso na zona.

Comezaremos a ruta no aparcadoiro de Seceda e dirixirémonos pola estrada cara o sur a través do souto que rodea á aldea. Ó pouco, desviarémonos á esquerda por un camiño que nos levará cara a Ferrería de Lousadela, onde poderemos observar a ponte de Lousadela e o río Lóuzara. Logo de visitar a ferrería e volver a cruzar o Lóuzara, temos a opción de desviarnos e visitar o Arco da Veiga, fermosa estrutura que cumpría unha dobre función: acueduto e ponte.

Retomaremos o camiño subindo polas abas do rego de Seceda, percorrendo as fermosas fragas da zona ata chegar ó Pontón de Muíños que cruza o rego de Seceda, onde podemos observar río arriba a fervenza Pinchón de Muíños. Desde alí, só nos queda un pequeno tramo de camiño ata chegar de volta a Seceda.

Enlace a Ruta dos Alvares en Wikiloc