Folgoso do Courel

CONTRATACIÓN PERSOAL SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

EMPREGO 6 de Abril de 2018 a las 08:00
CONTRATACIÓN PERSOAL SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Por Resolución da Alcaldía de data 3 de abril de 2018 aprobáronse as bases para selección e contratación temporal de catro auxiliares de axuda no fogar e creación dunha bolsa de emprego para a contratación temporal de auxiliares de axuda no fogar.

Tipo e duración do contrato: Dúas a xornada completa (100 % da xornada) e dúas a xornada parcial (75% da xornada) por un prazo de 6 meses prorrogables ata un máximo de 3 anos.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes: No rexistro do Concello de Folgoso do Courel no prazo de sete días naturais a contar a partir da publicación deste anuncio no BOP.

As bases completas publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello de Folgoso do Courel e na páxina web: www.folgosodocourel.es

Enlace á publicación do anuncio no BOP Lugo Núm. 078 – venres, 6 de abril de 2018: 

http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_18188_1.pdf#page=6

BASES PARA A SELECCIÓN  DE CATRO AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR EN RÉXIME DE PERSOAL LABORAL TEMPORAL, DOUS/DÚAS A XORNADA COMPLETA (8 HORAS) E DOUS/DÚAS A XORNADA PARCIAL (6 HORAS) E CREACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO PARA A CONTRATACIÓN TEMPORAL DE AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR NO CONCELLO DE FOLGOSO DO COUREL (LUGO)

 1- OBXECTO.-

 Contratación laboral temporal de CATRO AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR, DOUS/DÚAS A XORNADA COMPLETA (100% da xornada, 8 horas) e DOUS/DÚAS A XORNADA PARCIAL (75% da xornada, 6 horas) para realizar tódalas tarefas propias do posto ó servizo deste Concello de Folgoso do Courel (Lugo). Serán contratadas tanto para a prestación do servizo a persoas valoradas dependentes como a persoas que reciben o servizo por libre concorrencia, financiándose coa achega da Deputación Provincial de Lugo no marco do Plan Único de Cooperación cos Concellos a prestación do servizo por libre concorrencia e pola Xunta de Galicia o servizo prestado a persoas valoradas como dependentes. As aspirantes seleccionadas polo orde de puntuación elixirán o contrato que prefiran.

A xornada será de 40 horas semanais de luns a domingos no caso da contratada a xornada completa e de 30 horas semanais de luns a domingo a contratada a xornada parcial. Non obstante, o Concello poderá poñer outro horario de mañá ou tarde segundo necesidades do servizo (persoas que haxa que atender e necesidades das mesmas). En casos debidamente xustificados e tendo en conta as características do posto poderase cambiar o horario inicialmente fixado por necesidades do servizo.

En caso de vacante do posto por renuncia, baixa ou calquera outro motivo contratarase, por orde de puntuación, ó/á candidato/a que se presentara á convocatoria e que non resultase seleccionado/a.

Do mesmo xeito preténdese a CREACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO para a contratación, ante necesidades de carácter temporal, de persoal que preste o mencionado servizo tanto a persoas valoradas dependentes como a persoas que o reciben por libre concorrencia.

Os/As traballadores/as prestarán os seus servizos nos lugares que lles sexan asignados polos responsables de servizos sociais deste Concello tendo en conta as persoas que sexan beneficiarias do  servizo de axuda no fogar.

Tódolos desprazamentos que fagan as persoas contratadas ao abeiro destas bases como consecuencia do exercicio das súas funcións realizaranse mediante vehículo propio ou calquera outro medio pola súa conta pagándose por parte do Concello, exclusivamente, a contía de dezanove céntimos de euro (0,19 €) por quilómetro, tomando como punto de partida e final o domicilio do traballador no caso en que  estea empadroado dentro  do Termo Municipal de Folgoso do Courel ou a Casa do Concello noutro caso.

Ás probas selectivas seralles de aplicación, no non previsto nas presentes bases, a Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, Real Decreto Lexislativo 781/1986 de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das Disposicións Legais vixentes en materia de Réxime Local, Lei 5/1997 de 22 de xuño de Administración Local de Galicia, Lei 7/2007 de 7 de abril, do Estatuto Básico do empregado público, Lei 2/2015, do 29 de abril, de Emprego público de Galicia e demais disposicións aplicables

 2.- CARACTERÍSTICAS DO EMPREGO.-

 Número: e denominación do emprego: catro auxiliares de axuda no fogar, dúas a xornada completa (40 horas semanais) e dúas a xornada parcial (30 horas semanais)

Modalidade contractual: contratación laboral temporal por obra ou servizo determinado durante un período inicial de 6 meses prorrogables ata un máximo de 3 anos mentres dure o financiamento da Xunta de Galicia para a prestación do servizo e da Deputación Provincial. A xornada será de luns a domingo cos descansos establecidos pola lexislación vixente.

Funcións: Baixo a coordinación da Sra. Alcaldesa ou persoa en quen delegue, realizaranse as funcións propias dun/ha auxiliar de axuda no fogar.

Retribucións: As establecidas para postos similares do propio Concello: As retribucións brutas mensuais a xornada completa ascenderán ó importe de mil oitenta e oito euros con noventa e cinco céntimos (1.088,95 €) coa prorrata das pagas extraordinarias incluídas, correspondendo a parte proporcional no caso de xornada parcial

  

3.- REQUISITOS.-

 Para ser admitidos neste proceso de selección os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos no  momento de finalización  do  prazo de presentación de solicitudes.

a) Ter nacionalidade española sen prexuízo do disposto no artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.

b) Ter capacidade para ser contratado conforme ao disposto no Estatuto  dos Traballadores.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica  que impida  ou sexa compatible co normal desempeño das funcións correspondentes ás prazas obxecto  da convocatoria.

d) Non ter sido despedido ou separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración Pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía. No caso de ser nacional doutro estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

e) Non atoparse incurso nas causas de incompatibilidade ou incapacidade que determine a lexislación vixente.

f) Estar en posesión de carné de conducir B e dispoñibilidade de vehículo ou compromiso de posibilidade de desprazarse ao centro de traballo. As/os candidatos/as ao proceso de selección deberán dispor de medios propios para desprazarse aos diferentes lugares do termo municipal onde se deban desenvolver as tarefas relacionadas co traballo por entender que garda relación obxectiva e proporcionada coas funcións asumidas e as tarefas a desempeñar segundo a natureza do posto de traballo (art. 56.3 do EBEP). O Concello resarcirá a quilometraxe realizada tomando como referencia a contía establecida para os funcionarios en concepto de indemnizacións por quilometraxe.

g) Terán preferencia as persoas que estean en posesión do título de formación profesional de grao medio de atención sociosanitaria ou equivalente, regulado no Real decreto 496/2003, do 2 de maio, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade, ou aqueles outros títulos que acrediten a cualificación profesional do persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar segundo a normativa vixente.

As persoas que non estean en posesión da devandita titulación ou certificado de profesionalidade poderán optar ó emprego pero será obrigatorio que posúan a titulación no momento en que a lexislación autonómica que regula o servizo de axuda no fogar así o esixa sen excepcións, e será causa de rescisión do contrato non cumprir con este requisito. Tamén poderán formar parte da bolsa, ocupando na mesma postos inferiores ó das persoas que acrediten a devandita titulación ou dispoñan do certificado de profesionalidade, por orde de puntuación, e mentres non entre en vigor a obrigatoriedade de posuir a devandita titulación ou certificación de profesionalidade.

 

4.- PRESENTACIÓN DE INSTANCIAS.-

 Os/as interesados/as en formar parte deste proceso selectivo, presentarán a súa instancia no modelo que aparece no Anexo I das presentes bases facendo constar que reúnen todos os requisitos sinalados nestas bases e dirixiranse á Sra. Alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel. Presentaranse debidamente cubertas, no Rexistro Xeral do Concello de Folgoso do Courel ou mediante algunha das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas no prazo de sete días naturais desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Se o último día fose sábado, domingo ou festivo o prazo rematará o día hábil seguinte. A convocatoria publicarase no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica do Concello (https://folgosodocourel.sedelectronica.es)  e os sucesivos anuncios en relación con este proceso publicaranse no taboleiro de anuncios e na sede electrónica do Concello.

 Unha vez publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, as bases estarán a disposición de calquera interesado/a.

 Ás instancias debidamente cubertas, achegaranse os documentos que a continuación se indican e de acordo coa seguinte orde:

-       Fotocopia do DNI ou pasaporte. Ademais, os aspirantes estranxeiros deberán presentar documento que acredite que é nacional da Unión Europea ou dalgún Estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

-       Declaración xurada de que manifesten que reúnen todos e cada un dos requisitos xerais esixidos na convocatoria (inclúese no modelo de instancia).

-       Fotocopia dos documentos acreditativos dos méritos alegados para a súa valoración no concurso (esta documentación non será excluínte para a confección da lista provisional de admitidos e excluídos). A non acreditación dos méritos alegados determinará que estes non serán tidos en conta polo Tribunal nin se valorarán aínda que se acrediten fóra do prazo de presentación de instancias xa que non poderán subsanarse.

 A compulsa da anterior documentación deberaa facer o aspirante que resulte seleccionado.

 Rematado para a presentación de solicitudes por Resolución de Alcaldía acordarase a aprobación da lista provisional de admitidos e excluídos, con especificación, no seu caso, dos motivos de exclusión, a cal se publicará no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial e na sede electrónica do Concello.

Na mesma Resolución que aproba a lista provisional de admitidos e excluídos designarase o tribunal cualificador e data da súa constitución, así como a data, hora e lugar en que se realizará o exame e a valoración de méritos.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 2 días naturais, contados a partires do seguinte ao da publicación do acordo, para poder emendar, no seu caso, o defecto que houbera motivado a exclusión. Se o último día fose sábado, domingo ou festivo o prazo rematará o día hábil seguinte. No suposto de producirse reclamacións deberá tomarse novo acordo estimándoas ou desestimándoas con publicación da lista definitiva no Taboleiro de anuncios. No caso de non presentarse reclamacións polos aspirantes excluídos (de existir) a lista publicada terá carácter definitivo. De non existir aspirantes excluídos, a Alcaldesa poderá elevar a definitiva a lista provisional na mesma resolución de aprobación.

 

 5.- SELECCIÓN.-

 Mediante concurso - oposición segundo o disposto  no apartado sexto das presentes bases  entre os/as candidatos/as que presenten no Concello a súa solicitude para participar na convocatoria dentro do prazo de presentación de instancias.

Para  a valoración  dos  méritos e documentación presentada formarase unha  Comisión de Valoración  formada por un presidente, un secretario e tres vogais de conformidade co artigo 60 do Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público nomeados por Resolución da Alcaldía que se publicará coa lista provisional de admitidos e excluídos no Taboleiro de Anuncios do Concello e na sede electrónica.

A devandita Comisión elevará acta coa valoración asinada polos cinco membros da Comisión á Sra. Alcaldesa ós efectos de que proceda á contratación daspersoas que obteñan unha maior puntuación segundo a acta, que elixirán o tipo de contrato por orde de puntuación. A relación coas puntuacións definitivas dos candidatos presentados publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica.

 

6.- CRITERIOS DE SELECCIÓN DOS TRABALLADORES/AS.-

 A selección farase de conformidade cos seguintes criterios e puntuacións:

 EXAME: 5 PUNTOS

 Consistirá nun exercicio de 10 preguntas que versará sobre aspectos de coñecementos xerais sobre o funcionamento dun concello, procedemento administrativo así como sobre coñecementos específicos en relación as funcións a desenvolver no posto de traballo, segundo o temario que se indica a continuación: O tempo máximo para realizar esta proba será de 30 minutos. Cualificarase de 0 a 5 puntos valorándose cada pregunta con 0,50 puntos.

A data e hora de celebración deste exercicio determinarase pola Comisión de valoración unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, facéndose público no mesmo anuncio que a lista provisional de admitidos ao proceso.

 Temario

1. A Constitución Española de 1978. Principios xerais e valores que a inspiran. Principais institucións políticas. Dereitos e deberes fundamentais.

2. O réxime local español. O municipio. Organización básica municipal. Competencias dos municipios.

3. Dereitos e deberes dos empregados públicos.

4. Lei de servizos sociais de Galicia. Obxecto. Sistema galego de servizos sociais.

5. Os servizos sociais comunitarios.

6. Servizo de axuda no fogar: historia, definición, usuarios e profesionais que interveñen. Prestacións e tarefas do SAF.

7. Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

8. Ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar do Concello de Folgoso do Courel.

9. Lei 39/2006, de 14 de decembro de promoción da autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia. Concepto de dependencia, graos e niveis.

10. Termo municipal de Folgoso do Courel: parroquias, lugares e vías de comunicación. Servizos existentes no municipio, en especial de carácter sanitario.

 FORMACIÓN: 1,50  PUNTOS

Estar en posesión de cursos formativos homologados de auxiliar de axuda a domicilio ou asistencia sociosanitaria a persoas no domicilio, auxiliar de enfermería en xeriatría, coidador de discapacitados físicos e psíquicos, cursos de xerontoloxía, de atención de persoas dependentes, ou outros relacionados co posto de traballo impartidos polos organismos oficiais competentes. Ata un máximo de 1,50 puntos segundo o baremo seguinte:

  •  Por cada curso de duración inferior a 50 horas lectivas: 0,25 ptos/curso
  • Por cada curso de duración de 51 a 100 horas lectivas: 0,50 ptos/curso
  • Por cada curso de duración de máis de 100 horas lectivas: 1,00 ptos/curso

Os méritos aos que se fai referencia neste apartado deberán posuírse á data de valoración dos mesmos polo Tribunal cualificador, computándose ata a dita data. Acreditaranse mediante diplomas expedidos polas Entidades ou Organismos convocantes no que debe constar a duración do curso en horas e como mínimo o título do mesmo, ou ben certificación expedida polo organismo que o impartiu no que se fagan constar os mesmos datos.

Os cursos que, a xuízo do Tribunal, non estean debidamente acreditados ou non teñan relación coas funcións propias da praza, non serán puntuados

 EXPERIENCIA: 3,5 PUNTOS

Experiencia profesional: Puntuarase ata un máximo de 3,50 puntos, consonte a seguinte escala:

  • Experiencia acreditada polo desenvolvemento de traballos relacionados aos da praza que se convoca realizados en calquera Administración Pública ou empresa privada (0,05 puntos/mes de servizo), non se computarán servizos inferiores a un mes.

 No suposto de que a xornada de traballo non sexa do 100 %, entón a puntuación por este concepto reducirase en proporción ás horas traballadas.

 Para a xustificación deste apartado, os/as aspirantes deberán presentar documentación acreditativa dos servizos prestados, ben sexa a través de contrato de traballo acompañado da vida laboral, que poderá ser substituído por un certificado de servizos no caso de Administración Pública. Poderase admitir calquera outro documento con forza probatoria e en que se perciba claramente a duración do contrato, traballo desempeñado e xornada.

Non se valorarán os méritos que non estean debidamente acreditados de forma clara e expresa, a ocupación, o período traballado e número de horas.

 No suposto de empate a puntos entre varios aspirantes atenderase á maior puntuación obtida por experiencia laboral, de persistir o empate por cursos formativos e finalmente no exame. Só en último caso, por sorteo realizado polo tribunal de selección en presenza dos aspirantes afectados.

 

7.- PUBLICACIÓN E RESULTADOS E FORMACIÓN DA BOLSA DE EMPREGO PARA O POSTO DE AUXILIAR DE AXUDA NO FOGAR.-

 A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas establecendo a orde definitiva de aspirantes, e publicando no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica a dita puntuación do proceso.

O Tribunal fará unha proposta de resolución para a contratación aos catro candidatos que máis puntuación final obtivesen e tendo en conta o requisito xeral referido na base terceira apartado g) no podendo propoñer un número de aspirantes superior ao número de empregos convocados.

Os traballadores seleccionados por orde de puntuación elixiran o contrato que prefiran: xornada parcial ou completa e faráselles un contrato laboral temporal segundo as características mencionadas.

 Os/As restantes candidatos/as, pola orde de puntuación obtida, poderán ser  contratados/as, sempre tendo en conta o requisito xeral referido na base terceira apartado g), no caso de que a persoa seleccionada non asine o contrato no prazo que se lle sinale ou ben renuncie ao emprego.

Os/As candidatos/as non contratados/as pasarán a formar parte dunha bolsa de emprego, pola orde decrecente de puntuación, para cubrir as posibles baixas xurdidas durante o período de contratación, así como necesidades de contratación doutras/os auxiliares de axuda no fogar do Concello, por vacacións, baixas por incapacidade, substitucións, novas necesidades de prestación do servicio ou outras necesidades circunstanciais, quedando establecida a vixencia da bolsa en tanto non se aprobe unha nova e mentres se estime necesario o mantemento da mesma. En todo caso, a permanencia na bolsa dos /as candidatos/as que formen parte da mesma non poderá ser superior a tres anos. Os candidatos/as que non dispuxeren do requisito xeral referido na base terceira apartado g) ocuparán na bolsa postos inferiores, aínda que tiveran máis puntuación, ós candidatos que dispuxeren do mencionado requisito de xeito que éstes últimos (os que dispoñan de certificado de profesionalidade ou formación profesional correspondente) formarán parte da bolsa segundo orde de puntuación obtida no proceso selectivo, e seguidamente integrarán a mesma, tamén por orde de puntuación, os candidatos que non dispuxeren do mencionado requisito que só poderán ser contratados/as sempre que non haxa na bolsa candidatos/as que dispoñan do mencionado requisito establecido na base terceira apartado g), e tan só poderán permanecer na mesma mentres non sexa obrigatorio o seu cumprimento e se manteña a prórroga da Xunta de Galicia para a súa esixencia .

O funcionamento desta bolsa de emprego rexerase polas seguintes regras:  

1ª.- A comunicación ó/a candidato/a integrante da bolsa a quen corresponda contratar realizarase mediante correo certificado con acuse de recibo, por unha soa vez. O/A candidato/a deberá comunicar a aceptación ou o rechazo do posto seleccionado para a contratación por escrito no prazo máximo de 3 días hábiles dende a recepción da correspondente comunicación.

Se o/a candidato/a rexeita a contratación ou non se comunica a debida resposta, traballador/a encargado/a da xestión da bolsa realizará unha dilixencia en tal sentido de renuncia ou non comunicación de resposta do candidato/a.

Nos supostos nos que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente ou polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas, fose necesario a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderá realizarse telefonicamente. Neste suposto, o/a traballador/a que as realice fará constar mediante dilixencia a súa realización, e se tiveron ou non resposta, así coma o sentido desta. Tamén poderase realizar esta convocatoria mediante correo electrónico.

2ª.- O chamamento efectuarase respectando a orde na que os integrantes figuren na bolsa salvo que, por imposibilidade derivada da normativa laboral, non poda formalizarse con ese aspirante o contrato laboral temporal requirido.

Unha vez finalizado o correspondente contrato laboral formalizado cun traballador integrante da bolsa, este se reincorporará á mesma, pasando a ocupar o último posto, unha vez que finalice o contrato laboral e sempre que o tempo de contratación total (con un ou varios contratos) co concello sexa igual ou superior a seis meses. Se o tempo é inferior ocupará o mesmo lugar que ocupaba ata o momento da contratación. En todo caso a permanencia na bolsa será como máximo de tres anos . De tratarse dun/ha candidato/a que dispuxere do requisito referido no apartado g) da base terceira o último posto, cumprido o tempo de contratación total dos seis meses, será o que corresponda despois do último dos candidatos/as da bolsa que dispuxeren do mencionado requisito (formación profesional correspondente ou certificado de profesionalidade) e antes dos/as candidatos/as que non dispuxeren do mesmo.

Para o caso de que, chamado un integrante da bolsa para unha contratación temporal, renuncie á contratación proposta, perderá o seu dereito á pertenza á mesma no terceiro chamamento se as tres renuncias non están debidamente xustificadas (por enfermidade e baixa por incapacidade temporal ou estar traballando nese momento). Se a renuncia está xustificada non perderá a súa posición na bolsa e se non está suficientemente xustificada pasará a ocupar o último lugar dentro dela.

3ª.- En ningún caso a mera pertenza á bolsa implicará dereito algún a obter contrato laboral, garantíndose unicamente que, cando o Concello considere conveniente a súa utilización polos motivos que foran, se respectará o procedemento de chamamento regulado nestas bases. En todo caso, o Concello poderá convocar “ex profeso” un proceso selectivo para cubrir postos vacantes ou contratos temporais, aínda que houbese constituída unha Bolsa de Emprego.

4ª.- A bolsa de traballo poderase abrir, no momento no que o servizo municipal correspondente o considere oportuno, por non quedar efectivos na mesma en número suficiente para atender as necesidades que se presenten.

 

8º.- APORTACIÓN DE DOCUMENTOS.-

O/a candidato/a seleccionado/a deberá de presentar nas oficinas do Concello, para os efectos de formaliza-lo correspondente contrato no prazo de dez días hábiles a documentación que de seguido se indica en orixinal ou fotocopia debidamente autenticada:

 - Documento Nacional de Identidade e cartilla da seguridade social.

- Declaración de non estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para contratar co Concello e de cumprir tódolos requisitos esixidos pola lexislación vixente en materia de contratación laboral.

- Certificado médico de non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o normal desenvolvemento das tarefas inherentes ao posto ofertado.

-Declaración de disposición de medios propios para realizar os desprazamentos propios desta ocupación aos respectivos domicilios.

 Caso de que a persoa seleccionada non presente a documentación no devandito prazo, salvo os casos de forza maior, non se poderá formalizar o contrato, quedando anuladas tódalas actuacións sen prexuízo das responsabilidades en que se puidera incorrer por falsidade na instancia ou na documentación presentada. Neste caso formularase proposta de contratación a favor do/a seguinte da lista que reúna os requisito esixidos nas presentes bases.

 

9.- FORMALIZACIÓN DO CONTRATO

Presentada a documentación sinalada no apartado anterior a Alcaldesa- Presidenta da

Corporación, ditará resolución na que se resolva o proceso selectivo e se ordene a contratación  laboral a favor da persoa proposta polo Tribunal

O modelo de contrato de traballo a utilizar será, para os candidatos/as seleccionados/as , de laboral temporal nos termos dispostos na base segunda, e nos casos de contratación de candidatos/as  que formen parte da bolsa de traballo o de duración determinada na modalidade do mesmo mais axeitada ao caso concreto: realización de obra ou servizo determinado, interinidade (para cubrir  provisoriamente as vacantes ou ausencias que se poidan producir como baixas) ou eventual por  circunstancias de produción (substitucións de vacacións). As contratacións de carácter temporal  que se realicen con candidatos/as da bolsa serano a tempo completo ou parcial atendendo ás  necesidades do servizo que motiven contratación.

 

10.- INCIDENCIAS.-

As presentes bases e demais actos administrativos que se deriven do  proceso selectivo a que se refire as presentes bases poderán ser impugnados polos interesados nos casos, termos e formas  previstas na Lei 39/2015, do 2 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e Lei 7/1985 do 02 de abril reguladora das bases de réxime local e na Lei da Xurisdición Contenciosa-Administrativa.

Contra a Resolución da Alcaldesa que aproba a convocatoria e bases, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a Sra. Alcaldesa no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á aprobación das presentes bases, ou directamente recurso contencioso - administrativo ante o Xulgado Provincial do Contencioso - Administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte á a aprobación das presentes bases ou ó da recepción da notificación da resolución do recurso administrativo de reposición, se é expresa, ou  seis meses a partir  do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Se se interpón recurso de reposición non se poderá interpoñer recurso contencioso - administrativo ata que se resolva expresamente aquel ou se produza a desestimación presunta do devandito recurso.

 Tamén poderase interpor calquera outro recurso ou acción  que  se estime  procedente.

Folgoso do Caurel.

 

A  Alcaldesa

Asdo.: Dolores Castro Ochoa

(DOCUMENTO ASINADO DIXITALMENTE Á MARXE)